
Arturo Dopico, director xeral da compañía galega R
O operador galego de comunicacións por fibra óptica R pechou o exercicio 2004 cun resultado operativo de 36,01 millóns de euros, unha cifra que duplica o resultado obtido o ano anterior. O director xeral de R, Arturo Dopico, que presentou hoxe en rolda de prensa os resultados de 2004, destacou que as contas xeraron "gran satisfacción" na compañía galega ante un exercicio "eminentemente positivo" no que non acertou a ver "ningún punto negativo". Como resumo do ano 2004 Dopico indicou que R só tardou catro anos en lograr beneficio neto mensual, o que se conseguiu en novembro pasado, e dous anos en cambiar a positivo o resultado operativo anual. Os ingresos de explotación alcanzaron en 2004 a cifra de 101,44 millóns de euros, o que supuxo un incremento do 42 por cento respecto a 2003, mentres que os gastos de explotación ascenderon a 65,45 millóns, cun crecemento do 21,24 por cento.
O investimento acumulado desde a posta en marcha da compañía no 2000 tradúcese, ó peche do 2004, en 377,6 millóns de euros, o que, a xuízo do director xeral de R, converte ó operador en "un dos proxectos privados de investimento máis importante de Galicia".
En canto a clientes R pechou o exercicio 2004 con 157.000 fogares e locais conectados á súa rede de cable, que abrangue xa as sete principais cidades galegas, os 20 principais polígonos empresariais de Galicia e ten unha conexión con Madrid. Destes clientes o 78 por cento, é dicir 122.000, correspóndese con fogares, mentres o 22 por cento restante son locais empresariais.
Dopico enfatizó que as empresas xeran o maior volume de ingresos de R, xa que supoñen o 37 por cento sobre o total da facturación, co que se converte no operador de cable europeo con maior porcentaxe de ingresos procedente do segmento empresarial. Tamén destacou que en 2004 se lograron algunhas das contas máis importantes da comunidade autónoma galega.