Sakado de Codigo Cero:
R conseguiu en 2003 un beneficio operativo de 17,37 millóns de euros, tres veces máis do agardado
A operadora galega R fixo públicos en Santiago os éxitos colleitados ó longo de 2003. Entre os datos presentados ante os medios de comunicación por Arturo Dopico (na imaxe), director xeral da empresa, o que máis interese espertou foi o seguinte: R conseguiu por vez primeira unha cifra positiva no resultado operativo anual (tres veces máis do previsto), logo de tres anos con índices negativos. A cifra resultante é de 17,37 millóns de euros, e as previsións para este 2004 pasan por manter este ritmo de crecemento, ademais de por acadar, polo menos, o mesmo número de clientes. A clave deste incremento do beneficio está, segundo fixo saber Dopico, no crecemento dos ingresos de explotación.
Estes ingresos en 2003 superaron nun 87% ós do ano anterior, chegándose a finais de 2003 a uns 71,35 millóns de euros. Polo que respecta ós datos referentes ós clientes da operadora, as cifras tamén poñen releve unha tendencia positiva. Hoxe en día, a xulgar polos datos da empresa, un millón de galegos está en disposición de beneficiarse dos servicios de R. A rede da operadora estende o seu eido de acción a 372.000 fogares e empresas das sete cidades principais de Galicia e outras de importancia como O Barco, Vilagarcía, Culleredo, Oleiros, Poio ou Ames. Ademais, entre os obxectivos a curto prazo está rematar a infraestructura en Lugo e en áreas metropolitanas como Narón ou Arteixo. O seguinte paso é chegar ás vilas de entre 30.000 e 15.000 habitantes, como Monforte, Carballo ou Cee. A cifra de clientes a finais de 2003 era de 124.000, un 57% máis ca no ano anterior. Asemade, consolídase o seu rol de serio competidor de Telefónica nas zonas con cobertura de R: en telefonía fixa acapara xa o 36,2 por cento dos clientes e en Internet de alta velocidade, algo máis do 60 por cento.